O Concello de Camariñas comunica a recente constitución da Asociación de Comerciantes de Camariñas, que a partir de agora se encargará do desenvolvemento e mantemento da plataforma ‘MerCamariñas’, unha central de venta en liña para os establecementos do municipio e á que se incorpora, como novidade, as tendas de Encaixe.
Esta iniciativa nacera o pasado ano co obxectivo de adaptar aos vendedores e vendedoras ao comercio electrónico para que poidan vender os seus produtos a través de Internet. Desde o seu nacemento, realizáronse transaccións a nivel local pero tamén internacional, con produtos exportados a Alemaña ou Holanda.
Constituída a Asociación de Comercio de Camariñas, coa incorporación das tendas de Encaixe á plataforma de venta virtual. Encargaranse do funcionamento e mantemento da central de venta en liña para os establecementos do municipio.
Para poder levar a cabo estas tarefas o Concello de Camariñas proporcionou unha formación previa aos responsables de cada establecemento. Fíxose a través de sesións prácticas nas que se trataban temas como: a fotografía de produto de calidade mediante smartphone, edición fotográfica fácil, xestión da tenda virtual, como escribir para que Google coloque á tenda nos resultados de busca ou para estimular ao cliente a comprar e, ademais, tamén se asesorou aos comerciantes no ámbito das redes sociais.
A concelleira de Comercio, Lara Pasantes, quixo poñer en valor “que agora sexa a Asociación de Comercio de Camariñas quen dea un paso ao frente para poder xestionar ‘MerCamariñas’ e continuar a exitosa experiencia que para elas e eles supón ter un escaparate en liña”.
Pola súa parte, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, destacou que “este proxecto nacera dunha necesidade, como o era un contexto sanitario adverso, e agora que a tendencia parece que será a normalidade, que exista unha Asociación de Comercio de Camariñas é, sin dúbida, unha das grandes novas do ano”.