Achegar o comercio electrónico ao tecido económico do municipio. Ese foi o obxectivo co que naceu ‘MerCamariñas’, a plataforma coa que o Concello busca apoiar aos establecementos e negocios do municipio na crise da covid-19. A Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña acolleu, esta mañá, a presentación desta canle, que se definiu como o Amazon de Camariñas.
A presentación correu a cargo das concelleira de Comercio, Lara Pasantes, e da de Encaixe, Encarna Liñeiro, así como do representante da compañía WP Nordés, Diego Alonso. Ao longo da mesma, realizouse unha pequena demostración para ensinarlle ao público asistente o funcionamento da páxina. Tal e como indicou Pasantes, ‘MerCamariñas’ pretende “promover o comercio local e apoiar aos negocios que forman parte do tecido económico do concello, sobre todo na crise sanitaria actual”. A concelleira sinalou que, ao fin de lograr este obxectivo, “quixemos por á súa disposición esta canle, que funciona como un novo punto de venta a través de internet”.
Ata o de agora, a canle conta cunha trintena de establecementos adheridos, pero ‘MerCamariñas’ está aberta á suma de novas compañías e firmas. A adhesión á web é completamente gratuíta, podendo formar parte da mesma calquera empresa afincada dentro do termo municipal. Co fin de facilitar a usabilidade por parte da veciñanza, o espazo dispón dun buscador no que o usuario poderá escribir, directamente, o produto que precisa. A maiores, o espazo web conta cunha sección de tendas e con outra de produtos co que a cidadanía poderá atopar, rapidamente, o que estea buscando.