Reunión de MerCamariñas co Concello de Camariñas

Reunión De Mercamariñas Co Concello De Camariñas

Na mañá de hoxe, celebrouse un almorzo-reunión no salón de plenos do Concello de Camariñas entre os comerciantes asociados a MerCamariñas e os representantes municipais, incluíndo á alcaldesa Sandra Insua, a concelleira de Encaixe Encarna Liñeiro e a concelleira de Comercio Begoña Tajes.

Durante a reunión, tratáronse diversos temas de interese para o sector comercial local. Un dos puntos principais foi a próxima Festa da Palilleira, un evento que atrae a numerosas palilleiras de toda Galicia. Os comercios de Camariñas que o soliciten poderán montar un stand neste importante encontro para ofrecer os seus produtos e visibilizar a súa oferta comercial.

Así mesmo, plantexouse a posibilidade de que os comercios locais participen nun desfile na próxima edición da Mostra do Encaixe, un evento emblemático na rexión que contribúe á promoción tanto do encaixe como do tecido empresarial de Camariñas.

Outro dos temas destacados foi a organización das actividades para o Black Friday, onde os comercios ofrecerán descontos especiais a través da plataforma de vendas en liña www.mercamarinas.com. Durante un só día, os clientes poderán beneficiarse de descontos de ata o 70% nunha ampla gama de produtos.

Ademais, lembrámoslles a todos os comercios do Concello de Camariñas que poden facerse socios de MerCamariñas e desfrutar das vantaxes que ofrece formar parte desta asociación, como a de entrar na central de vendas online www.mercamarinas.com. Facerse socio é completamente gratuíto, sen custe mensual nin anual. Para máis información ou para facerse socio, pódense poñer en contacto con Silvia Castiñeira no teléfono 687 18 50 66.

Finalmente, acordouse repetir estas reunións de forma periódica para continuar a colaboración entre a asociación de comerciantes MerCamariñas e o Concello, co obxectivo de fortalecer o comercio local. Invítase a todos os establecementos comerciais do Concello de Camariñas a participar nestas reunións e contribuír ao desenvolvemento do tecido empresarial do municipio.

Deja una Respuesta

Su dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos requeridos se hace.

MerCamariñas